A Casa-Museo | O Museo | Salas

Lectora empedernida e sen complexos, feminista e defensora a ultranza da condición feminina, viaxeira incansable, aberta a tódalas tendecias literarias e idelóxicas… máis parece que esteamos falando dunha escritora actual que de alguén que viviu e escribiu entre os séculos XIX e XX.

 

Entre o vello barrio brasonado, a Cidade Vella, e o novo e dinámico barrio comercial onde naceu, a Pescadería, transcorreu a súa infancia coruñesa, desde un 16 de setembro de 1851. Chega á capital de España en 1869, seguindo a seu pai, elixido deputado a Cortes. Iníciase así a intensa vida social e cultural, as viaxes e o estudio de linguas estranxeiras, as amizades e os faladorios, que a conducirán á erudición filosófica e literaria primeiro e á creación novelística despois. En 1879, en efecto, publica a primeira dunha longa lista de novelas, Pascual López, autobiografía de un estudiante de medicina.

 

En 1883 aparece unha das súas grandes obras de crítica literaria, La Cuestión Palpitante, sobre a polémica desatada en España polo naturalismo francés, movemento ó que se adscribe na práctica co seu novo relato, La Tribuna. A súa vida e a súa actividade literaria estarán profundamente marcadas pola relación de amizade persoal cos grandes homes de letras do seu tempo, de Menéndez y Pelayo ou Galdós, a Victor Hugo, os Goncourt e, posiblemente, tamén ó mesmo Zola.

 

En veraneos e viaxes esporádicas, dona Emilia non deixou de pasar temporadas na súa Marineda natal nin de prestar atención á daquela incipiente literatura galega. Así, participou en distintas xornadas- homenaxe a escritores como Rosalía de Castro no Circo de Artesanos, principal institución cultural da cidade da que será nomeada presidenta en 1887.

 

Tamén será nomeada presidenta de honra da Real Academia Galega, que ten a súa sede na súa casa familiar da rúa Tabernas, que hoxe acolle esta espléndida Casa-Museo dedicada á súa persoa. Adiantada sempre, a súa capacidade convértea, xa no novo século, en ilustre conferenciante do Ateneo de Madrid, onde será a primeira muller que accede ó cargo de presidenta da Sección de Literatura.

 

Falece en Madrid en 1921, pero na Coruña a súa presencia será sempre visible gracias ó magnífico monumento inaugurado uns anos antes nese corazón floral da cidade que son os xardíns de Méndez Núñez.

 

José María Paz Gago

Caderno de Estudios da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán

 

 

 
© 2010 Real Academia Galega. Reservados tódolos dereitos. Condiccións de Uso | Marcas rexistrada | Declaración de privacidade