A Casa-Museo | O Museo | Salas

Sala I. O recibidor


O vestíbulo proporciona as coordenadas necesarias para situarnos ante a familia que habitou a casa. A través da calidade dos obxectos que forman parte da Casa-Museo, amósanse as condutas e os modos de vida da sociedade fidalga urbana da época.

 

Os tapices son un bo exemplo. O de maior tamaño foi tecido en Bruxelas a finais do século XVI. As demais pezas mesturan estilos característicos do momento histórico: o “eclecticismo” do século XIX. Este estilo permite reunir nun mesmo espazo mobles sobredourados de estilo isabelino con outros próximos á estética neoclásica, de liñas máis puras e con acabados de caoba e marquetería.

 

Os retratos da familia acompañan ao de dona Emilia: o do seu avó paterno, don Miguel, primeiro da saga Pardo Bazán; o do seu pai e conde desde 1871, don José Pardo Bazán y Mosquera e o do seu home, don José Quiroga y Pérez de Deza, co que casou Dona Emilia en 1886 e co que tivo tres fillos. Tamén existen retratos dos seus descendentes: do seu primoxénito, Jaime, e das súas dúas fillas, Blanca e Carmen, situados na sala II. Na mesma sala, encóntrase retratada, sendo moza, a súa nai, dona Amalia de la Rúa Figueroa y Somoza.

 

Na vitrina dispóñense diversos obxectos, algúns dos cales pertenceron ao xeneral Cavalcanti, marido de dona Blanca. De entre os libros, varios foron escritos polos membros da familia: polo seu pai, preocupado polo futuro do campo galego, e polo seu fillo Jaime. Outros relatan as recepcións de dona Emilia como anfitrioa nesta residencia e mais en Madrid.

 

Detalles
para descubrir

© 2010 Real Academia Galega. Reservados tódolos dereitos. Condiccións de Uso | Marcas rexistrada | Declaración de privacidade