A Casa-Museo | O Museo | Salas

Sala III. A produción literaria


As obras de dona Emilia Pardo Bazán foron e son obxecto de lectura e de constantes estudos que se intensificaron nas últimas décadas. O impacto dos textos na sociedade da época axúdanos a definir o panorama cultural e social de finais do século XIX.

 

Nesta sala distinguimos cinco espazos:

 

O primeiro amosa unha visión global da obra de creación de Dona Emilia e a posición da autora no mundo literario. As publicacións expostas proceden da biblioteca persoal de dona Emilia. Comparten espazo cun compendio de libros dedicados á autora por figuras relevantes da época.

 

O segundo responde á "Cuestión Feminista". A loita continua da escritora nun panorama cultural no que a presenza masculina era maioritaria. Á súa andaina, súmanse aqueles logros recolleitos por mulleres que padeceron situacións similares.

 

A Cuestión Periodística ocupa o terceiro dos espazos desta sala. Indagamos nunha faceta máis da carreira da autora. A prensa foi a canle utilizada para a publicación de moitas obras literarias. A autora denota unha aptitude de periodista atenta, cronista incansable e crítica coa sociedade e coa política do seu tempo.

 

O cuarto espazo está destinado a Marineda; alcume empregado pola escritora en diversos libros para nomear a cidade da Coruña. Marineda interpreta a cidade a través de referentes reais da Coruña de finais do século XIX.

 

O último espazo está conformado por dous textos que relacionan á escritora coa Real Academia Galega. O primeiro constitúe unha referencia expresa a unha serie de artigos, publicados en 1896 en La Voz de Galicia, que pon de manifesto a polémica existente entre Manuel Murguía e a condesa. O segundo é a alocución na que Pardo Bazán agradece a presidencia honorífica coa que foi recoñecida.

 

Detalles
para descubrir

© 2010 Real Academia Galega. Reservados tódolos dereitos. Condiccións de Uso | Marcas rexistrada | Declaración de privacidade