A súa biblioteca


O feito de nacer no seo dunha familia aristocrática de talante liberal, o ambiente cultural e intelectual que desde a infancia rodeou a autora, o contacto con numerosos intelectuais da época a través das súas viaxes, a súa presenza en faladoiros, a súa numerosa correspondencia, etc., son factores que condicionan o porqué desta gran biblioteca.

Cando faleceu a escritora a colección atopábase no Pazo de Meirás. En 1938 o pazo pasa a ser propiedade do xeneral Francisco Franco.

No ano 1978 un incendio no pazo ocasiona a perda de gran cantidade de volumes, así como un alto grao de deterioración doutros moitos.

A biblioteca pasa a mans do Ministerio de Cultura, o cal a doa á Real Academia Galega, lugar onde se encontra na actualidade.

Cómpre engadir que, ademais dos volumes que sufriron a queima, unha parte da biblioteca segue depositada no Pazo de Meirás.

O catálogo da biblioteca custodiada na Real Academia Galega está elaborado conforme as Regras de Catalogación editadas polo Ministerio de Cultura. Presenta unha ordenación alfabética por autores e as referencias conteñen os principais datos bibliográficos para a súa identificación: autor, título, edición, pé de imprenta (lugar de edición, editor e ano), descrición física (páxinas, ilustracións e dimensións) e serie. O catálogo facilitará o acceso a un fondo bibliográfico que fai posible achegarse á traxectoria literaria da autora herculina.

O investigador atopará obras de Galdós, Pereda, Valera e outros grandes escritores presentes na vida intelectual madrileña de finais do século XIX; así como obras escritas por Flaubert, Balzac e Zola, máximo expoñente do naturalismo.

Atopará novelas de diversa índole, literatura de viaxes, etc. Destacan as obras que fan referencia a cuestións e temáticas feministas, como por exemplo as obras da escritora Concepción Arenal ou do filósofo e economista inglés John Stuart Mill.

 

 

Na páxina web da Real Academia Galega atoparán unha serie de fondos dixitalizados da autoría da escritora herculina.


Na páxina web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes atoparán unha serie de obras de acceso libre e gratuíto da autoría da escritora herculina.


 
© 2010 Real Academia Galega. Reservados tódolos dereitos. Condiccións de Uso | Marcas rexistrada | Declaración de privacidade