Obra

 

Moitos son os motivos polos que Emilia Pardo Bazán se distingue no medio dos seus contemporáneos. A súa foi unha vida rica, aderezada de traballo e estudo, de participación e protagonismo na vida pública, profesional e persoal.

 

Por riba de todo, destaca o seu vasto e fecundo campo creativo.

 

Esta insigne personalidade posúe un elemento diferencial e determinante: a súa calidade literaria.

 

Intelectual coruñesa; autora de aproximadamente sesenta monografías, case setecentos contos, tres mil artigos de prensa, conferencias e ensaios; editora de coleccións -destaca La Biblioteca de la Mujer, na que por vez primeira aparece Stuart Mill traducido ao español-; directora de revistas -tanto alleas, La España Moderna, como propias, Nuevo Teatro Crítico- nas que escribe, edita, dirixe...

 

 

Destacamos entre as súas novelas

 

- Pascual López. Autobiografía de un estudiante de medicina. Por ser a primeira novela publicada pola autora. Ano 1879.

- La Tribuna. Novela pioneira na narrativa española do século XIX, como exemplo de novela social, proletaria, política, histórica,... e polas numerosas lecturas que ofrece en clave de xénero. Ano 1883.

- Los Pazos de Ulloa. Novela máis recoñecida da autora; novela descritiva da sociedade rural galega. Ano 1886.

- La madre naturaleza. Novela que continúa a historia dos personaxes protagonistas de Los Pazos de Ulloa. Ano 1887.

- Doña MilagrosMemorias de un solterón. Destacan pola capacidade de retratar figuras femininas que encarnan diferentes aspectos da feminidade. Ano 1894 e 1896 respectivamente.

 

 

Os seus contos

 

Publica máis de seiscentos contos curtos.

Os críticos da época recoñecen a súa fecundidade e a súa destacada posición como contista. Hai unanimidade á hora de loar o seu labor pola súa gran produción en número e en variedade, así como polo seu esforzo no desenvolvemento do xénero. Constitúen verdadeiros índices das preocupacións e inquedanzas da época.

 

 

Teatro e poesía

 

Son xéneros menores na súa fecunda produción literaria.

Destaca unha escolma de poemas dedicados ao seu fillo, que leva por título Jaime. Ano 1881.

Unha aproximación ao xénero teatral a través de El vestido de boda. Ano 1899. La suerte. Ano 1904. Verdad e Cuesta abajo. Ano 1906.

Teatro (Verdad. Cuesta abajo. Juventud. Las raíces. El becerro de metal. La suerte). Publicadas no ano 1909.

 

 

Biografías e episodios históricos

 

Entre as súas biografías e episodios históricos destacan: San Francisco de Asís: siglo XIII. Ano 1882. Hernán Cortés y sus hazañas. Ano 1914. Francisco Pizarro o Historia de la conquista del Perú. Ano 1917.

 

 

Ensaios, artigos,crítica periodística...

 

O conxunto de ensaios, artigos periodísticos, conferencias, discursos, crítica literaria,... permite trazar un perfil público da escritora coruñesa.

As súas crónicas trasládannos a unha época concreta, finais do século XIX, a través dunha visión “curiosa, comprometida, inqueda, partícipe, coñecedora, histórica, actual e moderna, crítica...“

 
© 2010 Real Academia Galega. Reservados tódolos dereitos. Condiccións de Uso | Marcas rexistrada | Declaración de privacidade